Melide, Cerne de Galicia

SANTA MARÍA DE MELIDE

Santa María de Melide, catalogada Monumento Nacional, é a xoia do románico melidao. A igrexa dunha soa nave remata formando unha ábsida semicircular na súa cabeceira, que consta dun treito recto, con bóveda de canón e de capela con bóveda de cascarón. No fondo da ábsida hai unha xanela abucinada que finaliza nun arco de medio punto, con columnas de fuste liso e capiteis vexetais. O esquerdo con motivos moi estilizados e o dereito decorado con pinas, motivo tardío no románico galego que aparece noutras igrexas: San Miguel de Esporiz (Monterroso), San Martiño de Ferreira (Palas de Rei) e Santa María de Arco (Antas de Ulla), todas elas na provincia de Lugo.

01

IMG 0207

Tanto o treito recto como a capela da ábsida están decorados con pinturas datadas nos tres primeiros decenios do século XVI. No cascarón represéntase unha Trindade, rodeada cos símbolos do Tetramorfos, todo sobre un fondo branco salferido de estrelas de oito puntos. Na bóveda de canón, correspondente ao tramo recto, aparecen nove querubíns, coas ás estendidas, levando trompas e delas saen filacterios con textos alusivos ao último dia. A ambos os dous lados da xanela da ábside existe unha representación dos apóstolos, de medio corpo, baixo arcos escamados e moldurados. 

02

O arco de triunfo é de medio punto, peraltado e dobrado. Apóiase en dúas semicolumnas entregas de fuste liso, sostidas por bases áticas que presentan cabezas a xeito de garras. O capitel esquerdo está decorado con elementos vexetais. O dereito é figurativo e representa un home entre dúas figuras monstruosas con fauces abertas, a da dereita aparenta un león (cuadrúpede con melena rizada e longa cola enrolada ao redor do corpo), mentres a da esquerda ten cornos, pelaxe insinuada a base de liñas incisas e érguese sobre as súas patas traseiras. Ambas as dúas figuras collen o home pola cintura cunha farpa. Trataríase dunha representación simbólica do Home contra o Mal.

IMG 0206

A portada occidental é abucinada, con tres pares de columnas, que sosteñen outras tantas arquivoltas de mediopunto. Dos seis capiteis, catro teñen decoración de tipo vexetal e dous, pertencentes ao lado esquerdo, presentan decoración figurativa. O correspondente á arquivolta maior representa unha serpe enrolada sobre si mesma atacando un cuadrúpede, que podería plasmar a loita entre un león e un basilisco, o que na iconografía medieval simboliza a loita entre Cristo e Satán. O capitel central presenta dúas aves de longos picos e coas cabezas viradas cara aos seus respectivos corpos.

Portada

Os tres capiteis do lado dereito son vexetais e cada un presenta un tipo diferente de folla. A arquivolta maior da portada presenta unha composición ou organización que a fai única na provincia da Coruña: tanto o trasdós como o intradós aparecen decorados mediante casetóns que na súa maioría gardan motivos xeométricos: cruces, semicírculos, ondas e círculos.No seu interior consérvase unha reixa románica que fechaba o arco de triunfo da igrexa. A función deste cerrume era protexer os obxectos sagrados e valiosos. O outro elemento salientábel da igrexa é o seu altar románico situado no altar maior. É dos poucos altares románicos galegos que chegaron até a actualidade.

A igrexa tamén conta cunha imaxe gótica da Virxe das Neves.

Sta-Maria


Ver mapa más grande

GFacebookTwitterYoutube