O Castelo
En pleno Camiño de Santiago e xa nos límites do casco urbán de Melide, podemos achegarnos ao mirador de O Castelo e á Capela da Virxe do Carme.
No outeiro dun castro prerromano onde se atoparon numerosos restos celtas, no lugar no que se construíu na Idade Media o castelo de Melide do que só queda o topónimo, pódese ver unha panorámica da vila de Melide flanqueada polos montes do Bocelo, Faro e Farelo.
Vistas nocturnas
O acceso ao Castelo está perfectamente iluminado seguindo a prolongación da rúa Principal, antigo eixo do Melide medieval. Na parte alta, no mirador, a iluminación que chega de dous potentes focos, garante a visibilidade e segurranza da zona. Desde aquí podemos desfrutar dunha espectacular vista nocturna de Melide.
Capela do Carme
Aquí ergueuse no ano 1741 a capela do Carme, construída por Blas Núñez de Segade, capelán da Obra Pía de San Antón, coa axuda de todos os melidaos. A planta da igrexa é rectangular, con arco triunfal de medio punto. A fachada ten unha portada alintelada que remata en frontón triangular partido. No centro deste hai unha fornela, flanqueada por pilastras, que contén a imaxe da Virxe do Carme co Neno Xesús e a de San Simón de xeonllos.
No seu interior sobresae o seu retablo realizado en 1755. No camarín central, máis saínte que os laterais, está a fermosísima imaxe da Virxe do Carme, de finais do século XVIII, atribuída ao taller compostelán de Gambino Ferreiro ou discípulos, flanqueada polas estatuas de San Ramón Nonate e San Xosé, ambas as dúas tamén de finais do século XVIII.