Melide, Cerne de Galicia

SAN PEDRO DE MELIDE

Melide é a capital da comarca Terra de Melide, integrada polos concellos de Melide, Santiso, Toques e Sobrado. É unha das vilas do camiño, monumentalmente falando, máis interesantes no seu percorrido galego.

A actual capela de San Roque, situada no cantón de San Roque, construíuse en 1949 con materiales procedentes das derrubadas igrexas medievais de San Pedro e San Roque. A portada principal, unha das máis fermosas da arte medieval galega, provén da antiga igrexa de San Pedro. Está enmarcada por dous contrafortes pouco saíntes e composta por tres arquivoltas semicirculares, con elementos que apuntan claramente cara a unha estética gótica: columnas de pequenos fustes e altas bases, capiteis todos eles con decoración vexetal, que nos permite datala a principios do século XIV.

IMG 9976


Ver mapa más grande

No seu interior hai un retablo do século XIX, cunha imaxe, no camarín central, de San Roque.

Tamén se conservan os sartegos medievais dos notarios melidaos Roi Lopes, e o da súa muller Inés Eanes, e Diego García.

Ao carón da igrexa áchase o que para moitos é o cruceiro máis antigo de Galicia, probabelmente do século XIV. O anverso representa a un Cristo Maxestade, sedente, mostrando as chagas das mans, coroado e cun pano que lle cobre as pernas. O reverso representa un Calvario.

IMG 0503

IMG 9999

No corazón histórico de Melide está a praza do Convento, que reúne varios edificios monumentais: a igrexa de Sancti Spiritus, a Obra Pía de San Antón e o Museo da Terra de Melide.

A igrexa de Sancti Spiritus pertenceu ao desaparecido mosteiro ou convento da Orde Terceira de San Francisco, fundado no século XIV. É un bo exemplo de continuidade no espazo e no tempo. Da antiga igrexa só fica unha pequena capela lateral, con bóveda e arco triunfal oxivais, chamada capela do Santo Cristo, porque talvez estivo nela o Cristo que hoxe está na capela de San Antón. O arco triunfal está sostido sobre dúas columnas. Só se conserva o capitel da columna da esquerda decorado con fitas. Encaixado nunha parede posterior hai outro capitel que pode ser o da columna da dereita. Actualmente temos na capela o retablo que foi da Virxe das Mercedes, obra do século XVIII.

IMG 8308


Ver mapa más grande

No século XIV, concretamente en 1498, Sancho Sánchez de Ulloa, coa pedra do castelo derrubado durante a revolta irmandiña, decide reconstruír a igrexa do convento en lembranza da súa mai Inés de Castro. A dirección da obra será a cargo dos mestres Xan do Llano e Xan Casal. O resultado foi unha igrexa de ábsida rectangular con bóveda de crucería. Desta época tamén son os dous sepulcros laterais góticos. Trátase de dous cenotafios in memoriam de Leonor de Mendoza e Inés de Castro, primeira e segunda muller respectivamente de Lope Sanches de Ulloa. Os dous sepulcros érguense con columnas e arcos de medio punto que se adornan con pináculos e remata en arco conopial.

GOPR0774

As figuras visten o hábito franciscano, con rosario nas mans e panos formando grandes pregas. Na fronte de ambos os sepulcros figuran inscricións xenealóxicas destas dúas damas da nobreza galaica, que tiveron un protagonismo salientábel na Idade Media.

Durante o século XVIII, como en case todos os mosteiros, realizanse reformas de ampliación na igrexa. Unicamente ficarán a capela lateral do século XIV e a capela maior do século XV. Ampliarase a nave coa construción dunha nave de canón, que se reparte en catro treitos separados por arcos faixóns que arrancan de ménsulas conectadas por arcos entre si.

GOPR0787

Deste momento tamén é a portada principal da igrexa, que está nun lateral, cara a praza, e que ten características do barroco compostelán desa época.

A torre, tamén do século XVIII, é de planta cadrada, con lixeiros contrafortes e remate en cúpula oitavada con pináculo. O seu perfil é semellante ás de San Francisco en Santiago de Compostela.

IMG 8903

No seu interior, no altar maior, temos un magnífico retablo barroco, obra de Francisco de Castro Canseco, un dos grandes escultores do barroco galego da segunda metade do século XVII e principios do XVIII, quen tallou, entre outros, o impresionante retablo maior da igrexa de San Paio de Antealtares en Santiago de Compostela. O retablo melidao foi esculpido por volta de 1960. O corpo principal presenta no seu centro unha fornela de arco de medio punto, flanqueada por columnas salomónicas con decoración tipicamente barroca de racimos e follas, e imaxes de San Francisco e Santo Domingo. A Inmaculada, que preside o conxunto, é unha obra posterior, de finais do século XVIII.

Altar-Igrexa-Parroquial

GOPR0794

Na parte central do ático aparece unha representación do relato de Pentecoste e no recadro posterior o escudo da orde franciscana. Sobre o chan do retablo agóchase a tumba medieval de Fernán Lopes, fundador do convento. O retablo oculta unhas pinturas murais do século XVI.

Alén do ratablo barroco da capela maior, temos outros dous retablos de estilo Neoclásico interesantes: o da Virxe das Dores e o dedicado a Xesús o Nazareno.

Outras pezas escultóricas salientábeis que a igrexa posúe son un Neno Xesús tallado en marfil, do século XVII, de estilo hispano-filipino, que procede da capela da Obra Pía de San Antón, e a coñecida como a Verónica de Melide, tamén procedente da mesma capela, atribuída a Francisco de Castro Canseco

IMG 8295

Tamén se conservan outros sartegos medievais ademais dos góticos da capela maior. Entre eles salientar o de Alfonso Váquez de Insua, do século XV, situado na antiga capela de Santa Catarina, onde hoxe se encontra o retablo de Xesús Nazareno.

Ao oeste da praza do Convento áchase o pazo barroco, coa súa capela, da Obra Pía de San Antón, fundado en 1671 polo arcebispo de orixe melidá D. Mateo Segade Bugueiro, nunha casa e terreno de propiedade familiar. Vai ser coñecido tamén como a Colexiata, pois na súa orixe tiña unha finalidade docente, e no século XIX como pazo do marqués de Corvera. Desde 1960 é casa do Concello.

A planta baixa estaba destinada ás cortes, adegas e outras dependencias, e a alta a aulas e vivendas. Hoxe só se conserva a fachada da estrutura do edificio, xa que o seu interior foi destruído, perdéndose a antiga escaleira de pedra, a disposición do patio, a xeito de claustro e as demais dependencias para axeitalo ao novo uso.

IMG 9537

O deseño da portada da capela, de estilo Barroco, é atribuído a Domingo de Andrade, o arquitecto galego máis prestixioso da época. Consta de pilastras, capiteis planos e lintel adovelado que sustenta un frontón partido. No tímpano salienta o escudo de armas do arcebispo fundador. A planta da capela é rectangular, con nave cuberta de medio canón. O primeiro treito está parcialmente cuberto pola tribuna de madeira. Nos primeiros chanzos da escaleira temos unha esvelta columna coa base e capitel característicos do Medievo, o que se pode considerar un exemplo de arcaísmo ou ben unha peza medieval procedente doutro edificio.

As dúas estatuas orantes, barrocas e pétreas, foron esculpidas en granito en 1674 por Mateo de Prado, un dos escultores máis importantes do momento. A da dereita representa un cabaleiro, D. Antón Varela de Segade, o primeiro patrón da Obra Pía de San Antón, con vestimenta típica da época. A da esquerda é un cenotafio cunha figura orante e axeonllada, con vestimenta eclesiástica, que lembra a figura de D. Mateo de Segade Bugueiro.

San-Anton-1

 

San-Anton2

San-Anton3

O outro edificio monumentalmente destacábel que se atopa no contorno da praza é o Museo da Terra de Melide. Logo de ser deseñado polo arquitecto melidao Xulio Álvarez, contrúese sobre un antigo hospital de peregrinos do século XV. Conserva a fachada de 1502. O museo é un bo exemplo de integración en plena zona monumental, procurando a dialéctica do novo co antigo.

No outeiro dun castro prerromano, no lugar no que se construíu na Idade Media o castelo, érguese en 1741 a capela do Carme, construída por Blas Núñez de Segade, capelán da Obra Pía de San Antón, coa axuda de todos os melidaos. A planta da igrexa é rectangular, con arco triunfal de medio punto. A fachada ten unha portada alintelada que remata en frontón triangular partido. No centro deste hai unha fornela, flanqueada por pilastras, que contén a imaxe da Virxe do Carme co Neno Xesús e a de San Simón de xeonllos.

Carmen

No seu interior sobresae o seu retablo realizado en 1755. No camarín central, máis saínte que os laterais, está a fermosísima imaxe da Virxe do Carme, de finais do século XVIII, atribuída ao taller compostelán de Gambino Ferreiro ou discípulos, flanqueada polas estatuas de San Ramón Nonate e San Xosé, ambas as dúas tamén de finais do século XVIII.  

2 


Ver mapa más grande

GFacebookTwitterYoutube